A Xunta de Galicia acaba de presentar unha nova lei de igualdade entre homes e mulleres. A norma pon especial atención, segundo o propio presidente galego, Alfonso Rueda, no ámbito laboral, en benestar dos traballadores e a sustentabilidade social empresarial, pero non prevé sancións para os incumprimentos. “Ao contrario, o que pretende é fomentar un cambio cultural”, defendeu a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.
Na comparecencia ante os medios posterior á reunión semanal do gabinete da Xunta, Rueda e Lorenzana resumiron os novos contidos do texto, que entrará a continuación na súa tramitación parlamentaria. A conselleira xustificou a necesidade da norma polos cambios profundos ocorridos na sociedade desde que se aprobaron as dúas normas vixentes -refundidas nunha soa en 2015-, que son de 2014 e de 2007. Na parte laboral, a Xunta quere buscar a boa vontade das empresas. A titular de Emprego insistiu en que o obxectivo é regular e promover que as empresas tomen medidas para mellorar a calidade de vida e as condicións laborais. Entre os aspectos que están incluídos figuran medidas para conciliar a vida laboral e familiar, o dereito á desconexión, e a racionalización e flexibilización de horarios.
Lorenzana indicou que a norma está pensada para pequenas e medianas empresas (pemes) e entidades do terceiro sector. En Galicia, lembrou, o 97% dos negocios teñen consideración de microempresa. A normativa estatal obriga xa ás empresas de máis de 50 traballadores a ter un plan de igualdade. A conselleira asegurou que tamén se regula o concepto de cidade segura, unha iniciativa que será de carácter voluntario para as entidades locais, que poden decidir se crean ou non espazos libres de violencias ou adoptan medidas como a iluminación de sendas e determinados espazos ou as paradas de autobús a demanda en horario nocturno.
Dentro das propostas da Xunta para promover a igualdade está a creación dun premio da muller rural e do mar e dun observatorio para facer un seguimento concreto da situación nestas dúas contornas.
Fonte: eldiario.es