Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2024
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, reuniuse co persoal docente deste campus formativo para facer balance do acadado ata agora e para abordar as accións formativas do segundo semestre deste ano 2024, así como para avanzar na planificación de 2025 barallando incorporar novidades como aplicacións participativas.
Pablo Fernández aproveitou a reunión para reafirmar o compromiso do Goberno galego con este espazo dixital de teleformación que pretende dotar de ferramentas de calidade -de xeito totalmente gratuíto- a empresas, a persoas formadoras e usuarias, ás que se lles ofrece información, formación e sensibilización para conseguir o reto de pasar da igualdade legal á real.
Este campus formativo en materia de igualdade laboral foi impulsado pola Xunta de Galicia e actualmente ronda as 6.000 persoas usuarias. Destaca que desde a súa posta en marcha no 2021, emitíronse preto de 9.400 certificados de aproveitamento de case un cento de cursos e obradoiros e máis de 1.300 deles no primeiro semestre deste 2024.
Fuente: Xunta de Galicia