Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024
A Directora Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, avogou no VI Foro Empresarial organizado por Empresarias de Galicia seguir impulsando medidas para acadar a igualdade laboral, destacando que a Xunta de Galicia traballa nun novo Plan de apoios para impulsar a presenza feminina en sectores masculinizados que se porá en marcha este ano con 2,25 millóns de euros de orzamento para conceder apoios á formación e á contratación.
O obxectivo deste Plan é impulsar a presenza feminina en sectores económicos onde tradicionalmente predominan homes.
Na súa intervención, Mariño destacou que é clave concienciar a toda a sociedade en xeral e tamén ao mundo da empresa para que saiban escoller ás persoas traballadoras en función das súas aptitudes e capacidades, deixando atrás calquera prexuízo de xénero. Tamén lembrou a necesidade de concienciar sobre que as mulleres poden e deben escoller as súas profesións atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por estereotipos nin por falsas crenzas que aínda hoxe perviven.
Fonte: Xunta de Galicia